segunda-feira, 27 de agosto de 2012

Ciclismo si, mas nom assi




Seguindo com o tema ciclista, eis um texto redigido por um companheiro de Anova com ocasiom do passo da Vuelta por estes lares...

A Deputación de Pontevedra e a Xunta de Galiza, gobernadas polo PP, veñen de caer una vez máis no descaro a conto do uso que fan dos nosos cartos: mentres pregoan a voz en grito que non hai cartos nas arcas públicas para custear servizos básicos e imprescindíbeis como a sanidade, o ensino e as axudas sociais a desempregados, a Deputación de Pontevedra adícase a pagar con cartos públicos a unha empresa privada (Unipublic) para que traia a “Vuelta España” ao país sen que lle trema o pulso ao despilfarrar unha grande masa de diñeiro –algúns medios falan de 150.000 euros- que podería empregarse en auxiliar a traballadores e traballadoras sen ningún ingreso.

Nin Xunta nin Deputación poden escusarse nun suposto apoio ao ciclismo para xustificar estes gastos pois unha das primeiras medidas que Feijóo tomou en materia deportiva foi eliminar o equipo ciclista “Xacobeo Galicia” que pretendía ser unha plataforma de promoción dos ciclistas  galegos como fai o Euskaltel Euskadi cos ciclistas vascos aos que leva polas grandes carreiras onde logran abundantes éxitos.  Da man do “Xacobeo Galicia” moitos ciclistas galegos puideron estar presentes en competicións internacionais como o Tour de Francia ou o Giro d´Italia e o ciclismo comezou a ter certa relevancia social en Galiza aumentando así o número de seguidores deste deporte. O motivo polo que se pechou este equipo segundo a Xunta foi a súa tan cacarexada austeridade, mais cómpre salientar que  as 5 etapas da “Vuelta España” no país teñen un custo moi superior ao que tiña o mantemento do equipo galego. Unha aposta real pola difusión do ciclismo en Galiza pasa polo apoio diario aos usuarios das bicicletas nas vilas e cidades nas que deberan crearse espazos como os carrís bici para que estas persoas poidan moverse con tranquilidade sen arriscarse a seren atropelados por automóbiles. Unha aposta eficaz polo ciclismo pasa porque a Xunta fomente unha Volta Ciclista a Galiza na que os equipos de base galegos poidan ter unha oportunidade para promocionarse e conseguir así un maior número de socios interesados na práctica deste deporte. Unha aposta clara por parte dos concellos polo ciclismo pasaría tamén pola creación de carreiras populares e profesionais nas vilas e cidades durante as súas festas, para popularizar así este deporte. Iniciativas todas elas moito máis efectivas e menos custosas que a “Vuelta”. 

Cabe salientar tamén o especial empeño que pon a Deputación en colaborar en eventos deportivos nos que só se dá a presenza de deportistas masculinos (“Vuelta España”, partido da selección española masculina de fútbol en Pontevedra, etc. ) deixando de lado así ás mulleres deportistas que polo feito de seren mulleres sofren a indiferenza dos medios e por elo da poboación en xeral.

As bicicletas non son só para o verán: teñen que estar día a día entre nós, deixemos de lado os medios de transporte contaminantes e pasemos a pedalear por un futuro limpo, verde e natural nas nosas vilas e cidades!

Nenhum comentário: